Skip to main content

Alborada

Helena GONZÁLEZ FERNÁNDEZ & Mariam MARIÑO COSTALES (coord. & ed.)
Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega / ADHUC-Centre de Recerca Teoria, Gènere, Sexualitat
2022

Publicación de periodicidade irregular sen ilustracións editada en Vigo por afiliadas ao Partido Comunista de España. Sitúanse na liña da loita antifranquista e nunha perspectiva marxista. O seu obxectivo prioritario é estudar e analizar os problemas que se lles presentan ás mulleres no acceso ao traballo, denunciar as discriminacións das que son obxecto, contribuír á toma de conciencia, e á consecución de dereitos, xustiza e liberdade para elas. Localizáronse dous números publicados en 1966; un exemplar sen numerar nin datar pero que, atendendo ao contido recollido no texto de presentación, permite afirmar con seguridade que se trata do primeiro publicado, e un segundo exemplar co número 2 e con data de outubro de 1966. Ambos presentan unha gráfica coidada e unha estrela de cinco puntas na cabeceira. Son mecanoscritos impresos en multicopista, a tinta negra sobre papel branco e grampados manualmente.

 

Sobre a edición dixital

Preséntanse aquí os 2 números localizados de Alborada, publicados no ano 1966 en Vigo por afiliadas ao Partido Comunista de España, como “modesto periódico”. As súas páxinas céntranse en cuestións vinculadas coas mulleres, a súa crecente incorporación na acción política e no mercado laboral. Denuncian, afondando nas súas orixes, a súa situación de desigualdade e marxinación respecto dos homes. Inciden ademais na importancia da toma de conciencia para a consecución de dereitos ou para a erradicación de formas de discriminación e explotación das mulleres, e incorporan breves achegas sobre cultura. No contexto da terceira onda do movemento feminista en Galicia, pódese afirmar que se trata da primeira publicación dirixida a mulleres e realizada por mulleres desde unha ollada marxista e de crítica feminista. Considérase, finalmente, que o feito de que a publicación Alborada. Órgano de la mujer democrática editada na Coruña entre 1970 e 1972, queira facer co seu nome unha homenaxe á Alborada precusora que aquí presentamos.

A edición dixital, publicada en 2021, inclúe: resumo e datos da cabeceira; edición dixital íntegra en pdf; índice, índice documentado e resumo de cada número.

Esta edición dixital é un resultado do proxecto “Tránsfugas y parias modernas” (FEM2017-83974-P) financiado por MCIN/ AEI /10.13039/501100011033 e por FEDER Una manera de hacer Europa.

https://www.ub.edu/adhuc/es/node/5702