Skip to main content

Abrente. Voceiro da Secretaría da muller INTG

Helena GONZÁLEZ FERNÁNDEZ & Mariam MARIÑO COSTALES (coord. & ed.)
Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega / ADHUC-Centre de Recerca Teoria, Gènere, Sexualitat
2019

Publicación sindical de periodicidade irregular ilustrada editada pola Secretaría da Muller da Intersindical Nacional dos Traballadores Galegos (INTG). Nos dous primeiros anos aparece con periodicidade cuadrimestral e a partir do número 6 pasa a anual. Non se documenta ningún número nos anos 1991 e 1992; nos fondos do FESGA identifícanse as dúas entregas máis recentes como núm. 9 (1993) e núm. 10 (1994). O número 10 leva como subtítulo Secretaría da Muller da Confederación Intersindical Galega (CIG). Na primeira xeira, ata 1990, vai impresa a tinta lila sobre papel branco e inclúe un directorio da INTG. Nos números da segunda xeira, de 1993 e 1994 non consta o número nin o ano da publicación; mudan de deseño, formato e sobre papel branco presenta titulares impresos en lila e textos en negro.

Sobre a edición dixital

Preséntanse aquí os 10 números localizados de Abrente. Voceiro da Secretaría da Muller da Intersindical Nacional dos Traballadores Galegos (INTG), publicados entre 1986 e 1994. Non se localizou o número 3. Ao longo de toda a súa traxectoria publica, cando menos, un número co gallo do 8 de marzo. Trátase dun voceiro sindical, nacionalista e de clase que pretende recoller as denuncias e reivindicacións das traballadoras. As súas páxinas permiten seguir conflitos laborais e a precarización das obreiras en empresas concretas, en particular dos sectores máis feminizados, como a conserva, o téxtil, a limpeza, as perruquerías, as garderías, así como a situación das labregas. Ofrece novas da organización e das actividades internacionais.

A edición dixital, publicada en 2019, inclúe: resumo e datos da cabeceira; edición dixital íntegra en pdf; índice, índice documentado e resumo de cada número.

Esta edición dixital é un resultado do proxecto "Tránsfugas y parias modernas: género y exclusión en la cultura popular del s. XXI" ( FEM2017-83974-P).

https://www.ub.edu/adhuc/ca/node/5311