Xénero humano
Publicación institucional ilustrada, editada en Ourense, intencionalmente con periodicidade anual. Comprende un total de 3 números publicados entre 2009 e 2013. Nace coa pretensión de abranguer todo tipo de asuntos de interese relacionados coas mulleres de Ourense: temas a debate, memoria, mulleres destacadas e acción institucional. A dirección das dúas primeiras entregas é de Marta Arribas, e o consello de redacción está formado por Sonia Cuquejo, María Jesús Vázquez, Bárbara Atanes (esta, no n. 2) e María Elena de Jesús, que aparece como coordinadora e máxima responsable do n. 3. Non hai unha estrutura clara nos dous primeiros números, aínda que aparece a sección "De memoria", que inclúe a memoria viva en forma de entrevistas. O n. 3 aparece organizado en seccións: "De onte...", "De hoxe...", "De profesión", "De actualidade", "De identidade" e "De (re)educación". Impresas maioritariamente en lila, branco e negro, só o n. 3 presenta portada a cor. Inclúe imaxes fotográficas, ilustracións e gráficas. Cómpre destacar, polo seu valor histórico, a reprodución de fotografías procedentes de arquivos familiares e públicos. Forma parte dos plans de igualdade promovidos polo Concello de Ourense, que aparece como editor dos tres números e a define como ferramenta para a igualdade.
Sobre a edición dixital
Preséntanse aquí os tres números da revista Xénero humano, publicados entre 2009 e 2013 pola Concellería de Igualdade do Concello Ourense. Trátase dunha publicación institucional, encadrada nas súas políticas de igualdade, por iso presta atención á memoria, a documentación gráfica e a singularización das achegas das mulleres en todos os campos de acción e producción.
A edición dixital, publicada en 2023 inclúe: resumo e datos da cabeceira; edición dixital íntegra en pdf; índice, índice documentado e resumo de cada número.
Esta edición dixital é un resultado do GRC Creació i pensament de les dones (2021 SGR 01097).