Skip to main content

Area. Revista de Mulheres Nacionalistas Galegas

Helena GONZÁLEZ FERNÁNDEZ & Mariam MARIÑO COSTALES (coord. & ed.)
Mariám Mariño Costales,
Guillermo Manuel Corral Manzano
Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega / ADHUC-Centre de Recerca Teoria, Gènere, Sexualitat
2018

Publicación ilustrada de tiraxe irregular (semestral ou anual) das Mulheres Nacionalistas Galegas (MNG), organización creada en 1986 por militantes do Bloque Nacionalista Galego (BNG) que conta cunha representante no consello nacional da organización. As MNG, en defensa da súa autonomía e identidade como grupo feminista, deciden desvincularse do BNG en 1987, logo de publicar o primeiro número da revista Area. Situadas ideoloxicamente na liña do Movemento de Livertaçom Nacional (MNL). A revista sitúase na liña do feminismo nacionalista, independentista, anticapitalista e de denuncia das diversas formas de opresión e colonización das mulleres e dos pobos. A aparición de dous números 6 en 1990, un deles en galego reintegrado e outro en galego oficial, constatan unha ruptura dentro da organización feminista que vai acompañada da pugna pola titularidade das siglas e máis da cabeceira da revista. O primeiro número está impreso en Vigo e os seguintes en Santiago de Compostela ou Ferrol. Presenta tres formatos en canto a tamaño e cores. O número 1 está impreso en branco e negro; entre o 2 e o 8 teñen feitura cadrada e pasan a ter portada a cor. Os números 9 a 11 recuperan o formato do primeiro número con portada a cor.

Sobre a edición dixital

Preséntanse aquí os 12 números de Area. Revista de Mulheres Nacionalistas Galegas, publicados entre maio de 1987 e o verán de 1993. A partir do número 5 a revista adopta progresivamente a normativa reintegracionista. En 1990 publícanse dous números 6 debido a unha ruptura interna na organización feminista. Isto ten o seu reflexo nunha pugna pola titularidade das siglas, a cabeceira e a norma lingüística a empregar que se resolve en favor das que apostan pola continuidade no uso do galego-portugués (o n. 6), mentres que a escisión opta polo galego oficial e publican un único número, que aquí presentamos como n. 6-bis. Area é, entón, unha publicación da organización Mulheres Nacionalistas Galegas (MNG), que ten como obxectivo promover o feminismo nacionalista, favorecer a participación das mulleres na propia publicación e actuar como voceiro da organización. Os eixos de debate son: os dereitos e a vida das mulleres, a sexualidade, o ámbito laboral, o independentismo, o pacifismo, a emigración e o desenvolvemento.

A edición dixital, publicada en 2018 e ampliada en 2022, inclúe: resumo e datos da cabeceira; edición dixital íntegra en pdf; índice, índice documentado e resumo de cada número.

Esta edición dixital é un resultado do proxecto “Tránsfugas y parias modernas” (FEM2017-83974-P) financiado por MCIN/ AEI /10.13039/501100011033 e por FEDER Una manera de hacer Europa.

https://www.ub.edu/adhuc/en/node/5165