Andaina (2ª época, 2ª xeira)
Publicación cuadrimestral, ilustrada, editada en Santiago de Compostela. A segunda xeira da segunda época de Andaina fai cambios no formato, número de páxinas e estrutura, mantén a continuidade na numeración e o subtítulo de Revista galega de pensamento feminista. O seu obxectivo é reforzar a revista como punto de encontro das voces e tendencias do feminismo e o movemento LGTBIQ+, dar testemuño dos acontecementos, actos e denuncias de discriminación. Publícase entre 1999 e 2008 cun total de 25 números. Elimina a figura da directora e presenta un consello de redacción formado por Ana Arellano, Nanina Santos, Berta Rey, Milagros Becerra, Felicia Estévez, Laura Gómez Lorenzo e Ana Luisa Bouza. O consello presenta lixeiras modificacións no consello a partir do n.º 42, coa incorporación de Pilar Pérez Rey, Nadia Álvarez Fernández, Patricia Arias Chachero, Celia Balboa Guerra e Raquel Barreiro Paz, e a partir do n.º 49, con Dalila Dopazo, Zélia Garcia, Saleta de Salvador Agra, Iria Vázquez e Estrela Villaverde. A estrutura da revista mantén as seccións “Denuncias e comentos”, dossier temático, entrevista, crítica cultural (libros, cine, televisión, teatro e música). Amplíanse os espazos destinados a dar a coñecer organizacións feministas e LGTBIQ+. A contraportada está destinada a recuperar a memoria de mulleres singulares con fotografía e nota biográfica. Nalgúns números incorpora as seccións “Celebridades”, “O falar non ten cancelas”, “Referencias de aquí e de acolá”, “Publicacións chegadas ao noso buzón” e “Páxin@s de mulleres” en internet. A partir do n.º 36 incorpora a sección “Lembranzas dunha época”, na que se ofrecen memorias de vida. O deseño e maquetación segue a cargo de Cebra (Uqui Permui) e a maioría das imaxes son do arquivo da revista. Todos os números presentan papel estucado a cor na portada e contraportada; emprega o branco e negro nas páxinas interiores.
Sobre a edición dixital
Preséntanse aquí os 25 números de Andaina. Revista galega de pensamento feminista (1999-2008), que conforman a segunda xeira da segunda época da publicación. Desta volta preséntase cun consello de redacción composto por Nadia Álvarez Fernández, Ana Arellano, Milagros Becerra, Patricia Arias Chachero, Zélia Garcia, Celia Balboa Guerra, Raquel Barreiro Paz, Ana Luisa Bouza, Dalila Dopazo, Felicia Estévez, Laura Gómez, Pilar Pérez Rey, Berta Rey, Saleta de Salvador Agra, Nanina Santos, Iria Vázquez e Estrela Villaverde. Presenta cambios con respecto á xeira anterior na estrutura, no deseño, no formato e no número de páxinas. Mantén o obxectivo de difundir e animar o debate entorno ás posicións, accións, propostas e teorías feministas e LGTBIQ+. Destacan as denuncias de agresións, desigualdade e discriminación, en particular as que atinxen ás mulleres e persoas LGTBIQ+, e recupera a memoria das mulleres e dos feminismos para a historia.
A edición dixital, publicada en 2021 e aumentada en 2022 inclúe: resumo e datos da cabeceira; edición dixital íntegra en pdf; índice, índice documentado e resumo de cada número.
Esta edición dixital é un resultado do proxecto “Tránsfugas y parias modernas” (FEM2017-83974-P) financiado por MCIN/ AEI /10.13039/501100011033 e por FEDER Una manera de hacer Europa.