Skip to main content

A muller e a loita

Helena GONZÁLEZ FERNÁNDEZ & Mariam MARIÑO COSTALES (coord. & ed.)
Kike Benlloch,
Miguel Alonso Fachado
Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega / ADHUC-Centre de Recerca Teoria, Gènere, Sexualitat
2017

Publicación de tiraxe irregular, sen apenas ilustracións, editada en Vigo e elaborada polas compoñentes do Movemento Democrático de Mulleres (MDM) de dita cidade. Sitúanse estas na liña da loita antifranquista e do Partido Comunista de España no que se inxiren e que ten como obxectivo prioritario a loita xeral en defensa da democracia, contra a represión e por un réxime de liberdades que beneficiaría o conxunto da clase traballadora. Os contidos tratan sobre a situación política, económica e social do momento, dan maior relevancia ao caso galego, ás accións desenvolvidas polo propio MDM sen esquecer aspectos que atinxen directamente a discriminación das mulleres. Calcúlase que entre 1971 e 1976 chegáronse a publicar aproximadamente vinte números, canda menos 17 deles co subtítulo Portavoz del Movimiento Democrático de Mujeres de Vigo. No nº 19, nun extra e no especial, os tres de ano 1976, o subtítulo aparece en galego. Agás o especial, todos os números, están impresos en multicopista, tinta negra sobre papel branco, o especial presenta cartolina a cor na portada e engade ilustracións nas páxinas interiores.

Sobre a edición dixital

Na clandestinidade antifranquista e no marco das loitas do Partido Comunista de España, as integrantes da organización Movemento Democrático de Mulleres de Vigo editan a revista A muller e a loita. Portavoz del Movimiento Democrático de Mujeres de Vigo. Publicación de tiraxe irregular, impresa en multicopista, sae a rúa entre os anos 1971 e 1976. A escrita é maioritariamente en castelán aínda que os contidos en galego van medrando co decorrer dos números. Nesta hemeroteca virtual preséntanse os números localizados ata agora: 2, 7, 8, 17 e 19 (publicados entre 1971 e 1976), e máis dous monográficos sobre as eleccións de 1976. Os contidos da revista céntranse nas esixencias sociais comúns a homes e mulleres como a represión, a amnistía ou os conflitos laborais. Abordan tamén os problemas da vida cotiá nos barrios, na casa, a carestía da vida, a educación das crianzas e máis os problemas que atinxen especificamente ás mulleres, como ás prácticas de explotación sexistas, a necesidade dunha educación igualitaria como base para unha plena emancipación ou da incorporación ao traballo para favorecer a independencia económica e a realización persoal das mulleres. A edición dixital, publicada e revisada en 2017, inclúe: resumo e datos da cabeceira; edición dixital íntegra en pdf; índice, índice documentado e resumo de cada número. 

Esta edición dixital é un resultado do proxecto "Teoría de las emociones y el género en la cultura popular" (FEM2014-57076-P).

https://www.ub.edu/adhuc/ca/node/4500